Friday 03 de May de 2024

Inés Rey comprométese co comité de empresa de Alcoa a loitar polo futuro da planta máis aló de agosto do 2021


 

A alcaldesa, Inés Rey, demanda un proxecto a longo prazo para a factoría da Coruña máis aló dos dous anos garantidos polo fondo suízo Parter

A alcaldesa, Inés Rey, trasladou ao comité de empresa de Alcoa a súa intención de seguir loitando polo futuro da planta máis aló dos dous anos que garante o comprador. Así llo comunicou ao seu presidente, Juan Carlos López Corbacho, durante un encontro que tivo lugar en María Pita no que o responsable dos traballadores lle comunicou que viaxarán a Madrid o próximo día 31 de agosto para
constatar a compra de Alcoa.

Rey sempre defendeu e pelexou co Goberno de España a viabilidade da fábrica e os postos de traballo. E manifestou que, tanto ela como a Corporación, seguirán loitando pola continuidade da empresa máis aló dos dous anos que garante o novo comprador. “Queremos un proxecto de futuro para a fábrica que asegure os postos de traballo e o sector industrial da Coruña e a súa comarca”, “queremos un proxecto a longo prazo por
parte de Parter, porque a planta da Coruña é rendible”, apuntou.

Para iso, negociará co Goberno de Pedro Sánchez, quen xa manifestou, dixo, o seu total compromiso coa viabilidade de Alcoa. Un compromiso que se verá reflectido na aprobación do estatuto electrointensivo que fixará un prezo alcanzable e estable da enerxía eléctrica
para que os custos non sexan tan elevados e que dará seguridade ao sector.

Rey asegurou que o Goberno achegará unha solución definitiva parta a continuidade de Alcoa “unha vez que Pedro Sánchez sexa nomeado presidente e se retóme o estudo do canon que recollía xa as alegacións presentadas polos traballadores e que está a ser
estudado pola asesoría xurídica”.

A alcaldesa pide a implicación de todas as forzas políticas, Estado e Xunta para conseguir
un proxecto de futuro para a planta “neste tema non hai cores políticas, non hai lugar para

as discrepancias”, “temos que ter todos unha posición clara sobre o futuro da nosa
industria”, sinalou.

Os traballadores de Alcoa viaxarán a Madrid onde está previsto que se faga efectiva a compra da factoría tras nove meses de traballo e negociacións desde que se anunciou o peche da empresa por parte da multinacional estadounidense ata que se atopou un comprador.